Saturday 04 de May de 2024

A Xunta colabora con tres ONGD galegas para continuar co proxecto “Cooperación Galega: o mundo que queremos”


Alfonso Rueda asinou un convenio cos representantes das ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e a Fundación Educación e Cooperación

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou un convenio cos representantes das ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso e a Fundación Educación e Cooperación para continuar ca execución do proxecto “Cooperación Galega: o mundo que queremos”. Á sinatura asistiu o Cónsul Xeral de Cuba en Santiago de Compostela, José Antonio Solana.

Alfonso Rueda asinou o convenio coa presidenta de SIG, Zaida Calvo López; co presidente de Agareso, Juan de Sola, e coa representante de EDUCO, Mónica Viqueira, para a execución da terceira fase do proxecto, desenvolvido no marco do Plan Proxecta; unha iniciativa de innovación educativa que ten por obxecto facilitar a colaboración entre distintos departamentos da Xunta que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos.

O proxecto ten como obxectivo o fomento da construción dunha cidadanía global con identidade transformadora entre a adolescencia galega e cubana a través da educación para o desenvolvemento, a solidariedade e a loita contra a pobreza, nos centros educativos galegos. Ten unha vixencia de dous anos, ata finais de 2016, e un custo de preto de 92.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará o 93 por cento.

A través deste proxecto preténdese que 500 adolescentes galegos e cubanos tomen conciencia do papel que poden desempeñar na construción dunha cidadanía global e transformadora da realidade a través da educación para o desenvolvemento, da solidariedade e da loita contra a pobreza. Este proxecto desenvolverase en varios centros educativos galegos nos que se traballará para que o alumnado coñeza a interconexión entre as realidades locais e globais e se involucre no exercicio da súa corresponsabilidade na construción da xustiza social a través do intercambio de experiencias con adolescentes do centro histórico da Habana.

Neste ano o Proxecta compleméntase e apoia o traballo que a Oficina do Historiador da Cidade de La Habana desenvolve coa adolescencia, a través do intercambio de experiencias sobre metodoloxía de traballo coa xuventude.

Antecedentes
A primeira edición de “Cooperación galega; o mundo que queremos” levouse a cabo no curso 2013-2014, en cinco centros de Educación Secundaria que foron seleccionados entre os solicitantes da convocatoria anual do Plan Proxecta. Dado o éxito desta iniciativa piloto, que fora financiado no marco da convocatoria anual de axudas a proxectos de educación para o desenvolvemento, decidiuse darlle continuidade o curso seguinte, esa vez a través dun convenio de colaboración e implicando a 9 centros.

No ano 2013 e 2014 a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, en coordinación coa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, impulsou un proxecto piloto titulado “Cooperación galega; o mundo que queremos”, que foi desenvolvido no marco do Plan Proxecta, iniciativa de innovación educativa que ten por obxecto facilitar a colaboración entre distintos departamentos da Xunta de Galicia que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos.

O proxecto foi desenvolvido no curso 2013-2014 e 2014- 2015 por 3 ONGD especializadas no ámbito da educación para o desenvolvemento e traballo con adolescentes e levouse a cabo en 13 centros de Educación Secundaria (5 no primeiro curso e 8 no segundo) que foron seleccionados entre os solicitantes da convocatoria anual do Plan Proxecta. Co profesorado e o alumnado afondouse nas desigualdade sociais existentes e as causas que as perpetúan, con especial atención á realidade dos países empobrecidos nos que traballa a cooperación galega. Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) foi a temática condutora da proposta e a comunicación comunitaria a ferramenta metodolóxica e elemento vertebrador das accións a desenvolver.

III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017
O convenio responde ao establecido no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, aprobado polo Parlamento de Galicia o pasado 18 de marzo, e no Plan Anual 2015, aprobado polo Consello da Xunta o 9 de xaneiro, en especial no que se refire a levar a cabo unha política de educación para o desenvolvemento orientada a construír unha cidadanía global comprometida co cambio social, a solidariedade e o desenvolvemento humano sostible.